Thursday 09 de May de 2024

A campaña Agora é o momento! engloba catro áreas do voluntariado


Con motivo do Día Internacional dos Voluntarios no 5 de decembro, o Concello da Pobra do Caramiñal, mediante a Área do Voluntariado, presentou a súa campaña nesta materia. Ao acto asistiron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); o concelleiro do Voluntariado, José Andrés Lojo (Nós Pobra); e as coordinadoras do programa, Teresa Pérez e Begoña Olveira.
Baixo o lema Agora é o momento!, a campaña estrutúrase en distintos terreos do voluntariado -social, medioambiental, cultural e de benestar animal-, resultado, segundo expuxo o edil José Andres Lojo, do traballo conxunto entre a área da cal é titular e o resto de concellarías.
A acción voluntaria está presente no municipio dende hai máis de vinte anos a través do Voluntariado ou da Protección Civil, tal e como expuxo Teresa Pérez, e xa se traduciu nunha cifra importante de persoas que durante este tempo axudaron en distintos ámbitos para a realización de diversas actividades. Neste
senso, agradeceu o seu labor, o cal, neste ano, cobrou maior relevancia, se cabe, debido á situación derivada do coronavirus. De feito, sinalou que houbo unha grande implicación por parte da cidadanía para axudar persoas en situación de vulnerabilidade, atendendo as súas necesidades, ben fose manter
unha conversa ou distribuír alimentos, entre outros. Por esta razón, lembrou que os voluntarios e voluntarias prestan parte do seu tempo en axuda-las demais persoas, algo que cualificou como “moi loable e que hai que agradecer”.
Pola súa parte, Begoña Olveira fixo fincapé en que neste 2020 se puxo de manifesto a importancia do seu traballo na sociedade realizado “de xeito xeneroso, altruísta, con dedicación de tempo libre cara ás demais persoas”; e que cando necesitaban do voluntariado “estaba aí sempre” para chegar ás necesidades de toda aquela veciñanza que o precisase. Todas aquelas persoas interesadas en achega-la súa colaboración ao voluntariado do Concello da
Pobra poden contactar a través do teléfono 981832764 -marcando as opcións 2 ou 4-, do enderezo electrónico voluntariadopobradocaraminal@gmail.com ou por un escrito presentado no rexistro municipal. Á medida que se vaian recibindo as solicitudes, iranse concertado citas para facilitar toda a información que precisen e os pasos por seguir para formar parte do voluntariado.
O rexedor, Xosé Lois Piñeiro, expresou o seu agradecemento, igual ca o resto de intervenientes, a toda a cidadanía que dedica o seu tempo libre a axuda-las demais persoas. Tamén manifestou que algúns dos voluntariados xa contan con moita tradición e outros xorden recentemente. Neste senso, explicou que “con esta campaña pretendemos ampliar un pouco o abano do voluntariado e que a xente coñeza esa opción” Concluíu a súa intervención animando as persoas a que se poñan en contacto, a que se informen, a que busquen cal é o que máis lles interesa e acheguen as súas propostas porque “agora é o momento”.